Fuente: SEEC de Galicia
Debajo reproducimos el texto íntegro del manifiesto:
MANIFESTO EN DEFENSA DA CONSOLIDACIÓN E A POTENCIACIÓN DO ESTUDO DAS LINGUAS CLÁSICAS NO ENSINO PÚBLICO GALEGO
No sistema educativo actual, modelado segundo as leis da oferta e da demanda, as linguas clásicas e a súa cultura quedan practicamente desterradas, sobrevivindo con dificultade entre un conglomerado de optativas que obstaculiza o acceso do alumnado a estas materias. Mais a este feito hai que engadirlle outro que non só corroe e aniquila a nosa dignidade como profesionais deste ámbito, senón tamén a vosa, rapaces e rapazas aquí presentes e que escollestes libremente seguir formándovos no itinerario das linguas clásicas. Todos/as nós tivemos que responder a moitos interrogantes nos que, en esencia, se cuestionaba e se cuestiona o porqué da aprendizaxe do Latín e do Grego, e todos/as, dalgunha forma, sentimos que se vulneraba a nosa dignidade por prexuízos sociais carentes de fundamento. Hoxe, máis ca nunca, vémonos na obriga de reivindicar de novo a ensinanza das linguas clásicas, hoxe traémolas de novo a escena e deixarémolas actuar para que senten as bases das nosas respostas a todos os porqués. Hoxe defendemos e defenderemos sempre os estudos do Latín, do Grego e Cultura Clásica polos seguintes motivos: (i) porque non podemos silenciar que en Grecia e Roma tivo lugar unha das revolucións máis importantes da nosa historia: a das palabras, que se combinaron maxistralmente para seren a orixe do saber, da filosofía e da ciencia. Estas palabras, que dan vida ao noso presente lingüístico e científico tamén deberán representar as realidades e saberes do futuro, que son e serán difundidos, en boa medida, a través da comunicación audiovisual e das redes sociais. Sen o Latín e o Grego ese futuro lingüístico non existe. (ii) porque estas linguas están moi vivas, tanto, que nos facilitan o estudo e a aprendizaxe dos idiomas modernos, xa sexan os nosos, os maternos, xa outros estranxeiros. No coñecemento do seu equilibrio morfolóxico e sintáctico atópase a chave que nos abre a porta doutras realidades lingüísticas, así como das complexas relacións que se establecen entre os diferentes elementos que conforman os textos. Aprender a desembeleñar esa madeixa contribúe ao desenvolvemento do pensamento lóxico e acende en nós a curiosidade pola lingua propia e a tolerancia pola diversa. (iii) porque non queremos nin podemos permitir que os estudos de ciencias, fundamentais na sociedade actual, queden, literalmente, “sen palabras”. Sabemos que das linguas clásicas procede a meirande parte do léxico científico-tecnolóxico, polo que a súa escasa presenza nos estudos coarta o dereito a unha formación plena no ámbito científico, social e humanístico. (iv) porque sabemos que a pobreza non só se mide en termos económicos e, por iso, o sistema educativo e a sociedade en xeral, na que nós nos incluímos, non poden permitir que a probreza humana, que tamén impide o noso desenvolvemento como persoas, aniñe e prolifere na sociedade. A este respecto, os valores, fundamentos, ideas e reflexións da cultura grecoromana
constitúen unha fonte sen precedentes para a superación de conflitos actuais, algúns tan desgarradores como a guerra. Grecia e Roma coñecíana ben e, consecuentemente, tamén sabían que existía unha forma, non só de poñerlle fin, senón tamén de superala para non repetila. Nelas está o antídoto. (v) porque para coñecer o noso legado cultural, dende a arquitectura, a enxeñería, o urbanismo, as manifestacións artísticas e lingüísticas e o noso sistema democrático temos que acercarnos a Grecia e Roma. Por tanto, que o sistema educativo actual renegue deste tipo de
coñecementos supón unha perda cultural incalculable semellante a unha das destrucións máis célebres da historia: a da Biblioteca de Alexandría. Non queremos ser cómplices, nin moito menos silenciar o que supón a perda das linguas clásicas no sistema educativo. (vi) e porque hoxe, 8 de marzo, día da muller, temos a obriga de lembrar que a revolución do mundo feminino e a loita polos nosos dereitos entrou en escena no teatro grego, por primeira vez na nosa historia, con mulleres como Antígona, Lisístrata ou Praxágora e materializouse socialmente con Aspasia, Diotima e outros moitos nomes silenciados pola historia. Elas nunca perderon a súa voz porque, como di Irene Vallejo, foron as grandes tecedoras de historias. Por estas e outras moitas razóns, atrevámonos a recordar para avanzar, atrevámonos a defender e valorar sen complexos as linguas clásicas no sistema educativo, porque elas son A PARTE IMPRESCINDIBLE DE TODO.